A ONG Arquitectos sen Fronteiras (ASF) e outros organismos como o Observatorio de Dereitos Humanos fan un chamamento á cidadanía para lembrar que “a vivenda é un ben de uso e non un ben de consumo, que ten moita influencia na convivencia persoal e social, e na loita contra a exclusión social”. A través de concentracións e dunha carta aberta, Arquitectos sen Fronteiras quere deixar constancia que o dereito a unha vivenda digna é fundamental e básico; un dereito que recolle a Declaración de Dereitos Humanos e a Constitución Española. “Por tanto debe facerse chegar este ben a todos os colectivos da sociedade, converténdose nunha obrigación para todas as Administracións, pasando ‘por unha concientización’ da sociedade”.
Se para unha persoa con ingresos medios é complicado adquirir unha vivenda, o é máis para quen non sempre teñen traballo e por tanto, non poden contar cun salario digno: un gran número de enfermos, inmigrantes, recluídos…. Por isto, ante quen argumentan que a crise non é tan grave e que “o problema é levadío”, ASF e un conxunto de asociacións, como Cáritas e a Rede de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, denuncian que na actualidade aflora un urbanismo máis baseado no deseño que nas persoas, o mesmo que tende a rexeitar aos cidadáns economicamente pouco resistentes. “Este urbanismo, lonxe de ser integrador, segue optando nas súas intervencións por trasladar aos economicamente máis débiles cara a áreas cada vez máis degradadas. Despois dun intenso programa de construción de vivendas sociais en anos xa afastados, produciuse unha paralización edificatoria pública en momentos dunha intensa demanda, que unida ao prezo do chan, á súa utilización como elemento financeiro e a que as políticas sociais de promoción do aluguer brillaron pola súa ausencia, conforman unha suma de factores que explican un panorama crítico e complexo”.
Desde o Consello da Mocidade de España ponse de manifesto que as políticas públicas de vivenda foron ineficaces á hora de conter a brecha causada pola alza dos prezos da vivenda (nova e usada, en propiedade ou en aluguer), respecto da renda media da poboación. “A vivenda nova en España subira en setembro de 2003 un 15,67% nos últimos doce meses, un 56,5% no últimos tres anos e un 100,37% nun lustro, segundo os datos do Ministerio de Fomento. As casas de segunda man son tan só un 17,55% máis baratas que as de recente construción e a vivenda de protección oficial apenas supera o 8% da oferta inmobiliaria”.
Para Arquitectos sen Fronteiras (ASF) é imprescindible a subordinación das políticas de vivenda ás políticas sociais, nas que se coordine o acceso á vivenda coa tutela e o acompañamento dos sectores sociais en situación de exclusión que requiren unha adaptación progresiva aos nosos hábitos culturais. Neste sentido demandan:
- Elaborar políticas públicas de axuda á vivenda para a integración social
Establecer reservas de vivenda protexida importantes cuns criterios sociais de adxudicación claros - Facer un recoñecemento lexislativo e a definición da vivenda de integración social como ferramenta das políticas sociais, que permita a obtención e xestión de bolsas de vivenda pública para a inclusión social.
- Mellorar a información do traballo realizado cos colectivos marxinados, evitando a idea de trato preferente que poida crearse entre outros sectores sociais, que poida dar lugar a un retroceso nas aínda moi débiles políticas sociais en acceso á vivenda.
Finalmente, defenden a idea de que humanizar a macroeconomía é atender ao interese xeral, ás necesidades concretas, aos dereitos cidadáns. “Ese debe ser o ámbito das reformas sociais, o que sen dúbida require vontade política e valentía”.