World Vision comezou a implantar un novo sistema nos seus programas de distribución de axuda humanitaria denominado LMMS (Last Mile Mobile Solution). A ONG asegura que esta nova tecnoloxía “supón toda unha revolución, pois mellora sensiblemente a calidade de atención ás persoas que reciben axuda durante unha situación de emerxencia, reduce de forma considerable os tempos de espera na entrega de comida, por exemplo, e consegue un nivel de asistencia moito máis digno”.
LMMS é un sistema informático baseado en cartóns individuais con códigos de barras que almacenan toda a información sobre as persoas beneficiarias da axuda, que previamente foron rexistrados, e as súas necesidades. Esta solución “simplifica e facilita a repartición de alimentos, medicamentos e utensilios, á vez que garante a total confidencialidade dos beneficiarios”, destaca a organización.
A nova técnica tamén permite monitorar variables demográficas e sanitarias, útiles para a elaboración de informes e seguimentos dos proxectos de desenvolvemento e axuda humanitaria. “Trátase dun cambio revolucionario e especialmente eficaz durante emerxencias e en crises continuadas como os campos de refuxiados. Falamos de axudar ao maior número de persoas, da maneira máis eficiente posible e coidando a integridade e dignidade dos beneficiarios en momentos de moita tensión como poden ser as situacións de emerxencia”, sinalou a directora de World Vision en España, Marisa García tablado.
O sistema automatizado funciona no punto de distribución de alimentos, substitúe ao clásico sistema manual de racionamento e reduce a minutos os que antes requiría un investimento de horas. O LMMS utilizouse xa en Uganda, Haití e o Corno de África, e actualmente desenvólvese en Kenia.