A CIA, a axencia de espionaxe estadounidense, lanzou onte o seu novo sitio web. Na páxina de inicio “de www.cia.gov“, as sombras dun home e unha muller ven proxectadas sobre o escudo da CIA. Sobre a imaxe lese a frase “O traballo dunha nación. O Centro de Intelixencia”.
A renovada web reafirma o compromiso da CIA de compartir a maior cantidade posible de información co pobo estadounidense, sinalou nun comunicado o xeneral da Forza Aérea Michael Hayden, director da axencia. A CIA usa o sitio, entre outras cousas, como vehículo para explicar o seu labor ao público. Ademais, os visitantes do sitio poden dar un paseo virtual pola sede da CIA en Langley, Virginia (este), ver fotos de aparellos de espías e unha mostra do museo. Así mesmo, hai unha “Páxina dos Nenos”, con xogos, leccións suxeridas para mestres e pais.
Os visitantes tamén poden consultar, a través de rápidos “links” (hiperligazóns), o “Libro de feitos mundiais e líderes mundiais da CIA”, unha popular guía de consulta sobre países e os seus gobernos que tamén reflicte os intereses da axencia. A sección “Biblioteca” do sitio reúne diversas referencias, ademais dunha colección de mapas da CIA, outras publicacións da axencia e un salón electrónico de lectura que contén documentos.
Os datos oficiais confirman que o vello sitio recibía 3,7 millóns de visitantes por mes. Como na páxina web anterior, hai un espazo destinado ás solicitudes de emprego para os interesados en seguir unha carreira na CIA. Moitos dos elementos do novo sitio estaban na anterior páxina, pero os deseñadores aseguran que agora navegar é máis fácil que antes.
“Este é o vehículo de comunicación primario da CIA co pobo estadounidense, polo que queremos aclarar exactamente cal é a misión da CIA”, dixo George Little, portavoz da axencia. “Queremos dar toda a información posible, tendo en conta que estamos no negocio dos segredos”, explicou.