A partir do ano 2011, todos os teléfonos móbiles que se vendan no ámbito da Unión Europea deberán de funcionar co mesmo cargador universal. Así o asegurou o venres un portavoz do executivo comunitario, que tamén sinalou que o desenvolvemento das normas técnicas adecuadas para garantir a compatibilidade e a seguridade dos novos cargadores avanza en boa dirección.
Nun primeiro momento, algúns dos máis importantes fabricantes, como Nokia, Sony-Ericsson ou Samsung, asinaron un pacto con Bruxelas para levar a cabo a estandarización dos modelos de cargador en 2010. Con todo, esta data, tal e como comunicou a Comisión Europea, postergouse para comezos do seguinte ano.
Os novos modelos de cargador que se implanten conservarán as distintas marcas, pero poderanse utilizar de modo indistinto en todos os teléfonos móbiles, con independencia do seu fabricante. Este novo aparello basearase na tecnoloxía micro-USB, que aínda que forma parte das novas xeracións de teléfonos, non está presente nos móbiles máis antigos, que precisarán dun adaptador.
Na actualidade, existe unha ampla gama de cargadores diferentes para teléfonos móbiles na Unión Europea, mesmo dentro de una mesma marca. Esta multiplicidade, ademais de producir complicacións aos consumidores, tamén xera unha gran cantidade innecesaria de residuos electrónicos.