A rede Picotea.com, considerada o Twitter español, lanzouse ao “mediablogging” coa apertura dun novo servizo de canles onde os medios de comunicación poderán publicar os seus contidos de maneira gratuíta. O novo servizo componse dun conxunto de ferramentas específicas e gratuítas para os medios de comunicación que lles permitirían publicar os seus contidos de texto, audio ou vídeo para que sexan comentados polos usuarios mediante microblogging.
Os contidos destas canles poderán actualizarse de forma manual ou automática vía RSS polos medios, o que minimiza así o seu esforzo á hora de actualizalos. Dentro de Picotea.com, as canles terán a súa propia entidade, o que lles dará maior relevancia no portal. Ademais, nun futuro próximo as canles terán unha versión Premium que permitirá aos medios incluír os seus propios soportes publicitarios na súa canle.
Estas canles temáticas darán aos usuarios a posibilidade de ler “as noticias, escoitar a radio ou ver a televisión desde o mesmo soporte”, indicou o socio fundador e director xeral de Expansoft -empresa que está detrás desta rede de microblogging-, José Luís Fernández Frontelo. “Ter os contidos integrados no propio portal será beneficioso para os usuarios, xa que non terán que ir a outras páxinas web a buscalos, e para os propios medios, que atoparán en Picotea un novo medio de difusión e promoción dos seus contidos”, engadiu.
Picotea.com é un servizo de microblogging lanzado o pasado 1 de setembro e desenvolvido pola compañía española ExpanSoft. Moi similar a Twitter, nel os usuarios comunícanse mediante mensaxes de 160 caracteres. Entre as súas características destaca a posibilidade de crear ou unirse a grupos e eventos, así como a de sincronizar todas as publicacións do usuario en Twitter, Facebook e Friendfeedo.