A Facultade de Informática da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), xunto con outro nove universidades europeas, participa no proxecto SEALS (Semantic Evaluation At Large Scale) co desenvolvemento dunha nova infraestrutura de investigación enfocada á avaliación das tecnoloxías semánticas. A investigación comezou este ano e concluirá en 2012.
As tecnoloxías semánticas son a base da web do futuro e das actuais ciencias da computación. Entre os seus usos destacan a construción de aplicacións intelixentes en diferentes ámbitos, como os negocios, a educación, o goberno electrónico, o turismo ou a sanidade. “Fan posible a procura de información e a integración e intercambio de datos”, asegura a Universidade. Con todo, “han de ser eficientes e robustas xa que a información dispoñible na Rede crece de forma exponencial”.
O obxectivo do proxecto SEALS, integrado no Sétimo Programa Marco no apartado de e-infraestrcucturas, é desenvolver unha infraestrutura (a plataforma SEALS) que forneza servizos para a avaliación das tecnoloxías semánticas. Esta plataforma debe estar dispoñible para calquera persoa interesada niso ou en coñecer os resultados das ferramentas actuais, é dicir, investigadores, desenvolvedores e usuarios. Ademais, o proxecto organizará unha serie de campañas de avaliación de diferentes tipos de tecnoloxías semánticas para proporcionar un foro de debate sobre os resultados máis relevantes.
O proxecto SEALS está coordinado polo Grupo de Enxeñaría Ontológica da Facultade de Informática da Universidade Politécnica de Madrid e conta con investigadores de universidades e centros de investigación de Austria, Francia, Alemaña, Suíza e Reino Unido.