Os próximos modelos de videoconsola do tres grandes fabricantes permitirán aos pais limitar o xogo dos seus fillos. A última en anunciar esta medida foi Nintendo: a consola “Revolution” que, en principio, verá a luz en xuño de 2006, incorporará un sistema co que os pais poderán restrinxir o xogo aos seus fillos se consideran que o título é inapropiado. Usando un contrasinal, un adulto poderá configurar a “Revolution” para que os menores só poidan acceder a xogos aptos para a súa idade.
Sony xa anunciou este sistema na Playstation 3 (que aínda non ten unha data fixa de comercialización, aínda que probablemente sairá á venda en 2006) en maio, na última edición da feira de videoxogos E3 celebrada nas Veigas. A Playstation 2 dispón dun sistema similar pero só é válido para DVD, non para videoxogos. Na Playstation portátil tamén se pode activar esta opción.
Pero os primeiros en poder activar este control serán os usuarios da Xbox 360, a consola de Microsoft que chega ás tendas europeas este venres.
Deste xeito, o tres grandes dos videoxogos fan caso ás numerosas voces que queren pór límites aos títulos violentos. Por exemplo, en California, o seu gobernador, Arnold Schwarzenegger, deu luz verde en outubro a unha nova lei para prohibir a venda ou aluguer de títulos violentos a menores de idade. Paradoxalmente, o ex actor é protagonista de varios videoxogos violentos, baseados nas súas películas.
Pero non será fácil pór en práctica a medida, a poderosa industria do videoxogo apela á liberdade de expresión para impedila. “Os videoxogos son unha forma de expresión artística, igual que outras formas de expresión protexidas, como as películas, os libros e a música”, sinala a Asociación de Software de Entretemento.