A Asociación de Usuarios de Internet, a Asociación de Internautas e a Asociación Española de Pequenas e Medianas Empresas de Informática e Novas Tecnoloxías rexistraron no Ministerio de Industria e no de Cultura a súa petición formal para participar nas reunións previas á reforma do canon dixital. Estas agrupacións consideran “paradoxal” que a pesar de ser as propulsoras desta revisión lexislativa exclúallas agora das negociacións. En outubro, Bruxelas declarou ilegal a aplicación indiscriminada do canon dixital en España, no caso que enfrontou á Sociedade Xeral de Autores (SGAE) coa empresa Padawan.
As asociacións consideran que o canon dixital é unha medida que prexudica á xeneralidade dos implicados nos procesos culturais. En primeiro lugar, á inmensa maioría dos creadores, posto que eles tamén son consumidores de dispositivos e soportes. Tamén cren que esta medida resulta lesiva para a propia industria de contidos porque o cobro indiscriminado dificulta a creación de novos modelos. En terceiro lugar, aseguran que prexudica ao conxunto da sociedade, ao diminuír a súa competitividade co encarecemento artificial dos produtos.
Desde as asociacións de internautas acusan os intermediarios e a un reducido grupo de creadores de lucrarse co canon. Denuncian que son precisamente eles, quen se autoerigen como representantes do colectivo, quen prexudican ao sector en lugar de velar pola defensa dos seus intereses. Por iso, piden ao poder político que lexisle “a favor do interese xeral”.
Todos os solicitantes aglutináronse na plataforma cidadá todoscontraelcanon.es, promovida por organizacións sociais, empresariais e sindicais, cidadáns individuais e 29 concellos. Na actualidade, xa son máis de tres millóns de persoas os adheridos a esta causa.