Os blogues ou bitácoras de Internet dos soldados estadounidenses poden ser unha fonte de información máis que fiable para os inimigos do país norteamericano. Así o entenden os altos mandos do Exercito de Estados Unidos e por iso decidiron incrementar as restricións sobre os blogues que escriben as súas hostes. Tamén se limitará a súa participación en foros e sitios de opinión.
Os soldados en zonas de guerra están xa suxeitos a restricións importantes sobre o mantemento de páxinas web persoais, a fin de evitar que informacións sensibles sobre operacións militares estean ao alcance de calquera en Internet.
Con todo, a novidade da nova normativa é que vai afectar a aqueles soldados que xa non se atopen na fronte e que deciden escribir nun blogue as súas experiencias na guerra.
Estes ex combatentes deberán consultar co seu superior inmediato e co seu oficial responsable que información é considerada “de seguridade operacional”. Deste xeito, calquera cousa que se vaia a publicar deberá antes ser revisada.
Esta medida afectará tanto as bitácoras como a calquera texto que se escriba en Internet, ou mesmo ás discusións en foros e aos correos electrónicos que poidan ser publicados na Rede. No entanto, os “e-mails” persoais non serán vixiados, pero non porque non se queira, senón porque o Exercito estadounidense considérao “impracticable”.