A falsificación de produtos en Second Life, un mundo completamente virtual formado por case 10 millóns de habitantes, supuxo para un internauta ser levado ante os tribunais de Nova York por parte de seis comerciantes. O denunciado chámase Thomas Simon, ten 36 anos e vive en Queens (Nova York). O que hai que determinar é se o delito que se lle imputa (violar as normas sobre protección de marcas e dereitos de autor) é real, e se Simon podería ser castigado, ou se, polo feito de tratarse dun mundo virtual, o denunciado non se ten que someter á lexislación que se aplica na vida normal.
Segundo os demandantes, que son todos estadounidenses con tendas ou negocios virtuais en Second Life-, Rase Kenzo (o avatar de Thomas Simon) dedícase a clonar os seus produtos (desde zapatos ata camas) e vendelos, algo que, para os comerciantes, é un delito, a pesar de que ningún dos obxectos sexa real. Para eles, o que fai Simon é piratear e pór en perigo o que para algúns é a súa única forma de gañarse a vida. Na súa demanda, os comerciantes piden que Simon lles reingrese o triplo do que calculan perder por mor do seu pirateo, aínda que non especifican a cantidade.
O denunciado escúsase pola súa banda dicindo que todo é só un videoxogo e que el non cometeu ningún delito real, porque en ningún deses contextos virtuais xamais se aplicou a lexislación vixente. Ademais, Simon acusa os comerciantes de presentar como “evidencias” para sustentar a súa denuncia “fotos” (pantallazos) tomadas no interior da súa casa virtual de Second Life, o que tamén podería considerarse ilegal, por ser unha violación de morada.