O proxecto de biblioteca dixital de Google contará coa colaboración dunha agrupación de doce grandes centros educativos de Estados Unidos que onte mostraron a súa adhesión a esta ambiciosa iniciativa. Os centros que participarán neste acordo, que terá unha duración de seis anos e será renovable, son Illinois, Indiana, Iowa, Michigan, Michigan State, Minesota, Northwestern, Ohio State, Penn State, Purdue, Wisconsin e a Universidade de Chicago.
Google, que xa tiña con anterioridade un acordo individualizado destas características con Wisconsin e Michigan, farase cargo de financiar a dixitalización e preparación dos libros. Este novo acordo con Google Book Search fará posible a dixitalización de ata dez millóns de volumes. Esta iniciativa ofrecerá “recursos sen precedentes para os estudantes e investigadores en todas partes”, dixo a presidenta de Ohio State University, Barbara Snyder.
No entanto, a pretensión de reunir millóns de exemplares nun catálogo “en liña” ao que se poderá acceder desde calquera parte do mundo tamén ten diversas voces en contra. Así, a Asociación de Autores de Estados Unidos e varios grupos editoriais argumentan que a compañía viola os dereitos de propiedade intelectual con este proxecto de biblioteca dixital.