O xigante da informática Microsoft lembrou onte que o índice de pirataría informática elévase en España ao 47%, o segundo máis elevado de Europa despois de Grecia, e destacou a importancia de reducir esta práctica que supón unha “fraude ao consumidor” e “pon en risco o crecemento e desenvolvemento desta actividade empresarial”.
Microsoft, que difundiu un comunicado por mor da operación policial desenvolvida onte en San Sebastián na que se incautaron por primeira vez no mundo certificados falsificados de Windows XP Profesional, puxo de relevo a importancia de campañas como a que desenvolven a organización Business Software Alliance (BSA), dedicada á promoción informática segura, xunto co Ministerio español de Ciencia e Tecnoloxía. Baixo a lema “O valor do software”, esta campaña ten como finalidade concienciar á sociedade sobre as consecuencias derivadas da pirataría informática. “Este tipo de iniciativas son fundamentais paira combater este delito”, afirmou a compañía.
A empresa de Bill Gates sinalou que España mellorou “ timidamente” o seu índice de pirataría, xa que pasou do 49% en 2001 ao 47% en 2002. Tamén mencionou que entre 1996 e 2002 o noso país reduciu a súa taxa de pirataría de software en 16 puntos, algo que logrou impulsar esta industria nun 15,9% e xerou 13.000 millóns de dólares en vendas.