A operadora británica British Telecom (BT) e a compañía española FON asinaron un acordo que vai transformar o mercado das comunicacións inalámbricas. Tres millóns de clientes de banda ancha da compañía británica (BT Total Broadband) terán acceso gratis á rede Wi-Fi promovida por FON.
Segundo informou BT nun comunicado, “desde o lanzamento, os novos membros pasarán a formar parte dunha comunidade xa existente de máis de 500.000 usuarios e terán acceso a máis de 190.000 puntos de acceso de FON en todo o mundo. Calquera membro poderá conectarse gratuitamente aos puntos de acceso de FON e da nova BT FON”.
A operadora sinalou ademais que “os usuarios de BT Total Broadband tamén poderán utilizar a rede de puntos de acceso Wi-Fi Openzone, que inclúe o proxecto de BT 12 Wireless Cities (12 cidades inalámbricas)”.
BT FON ten como obxectivo construír unha “formidable” rede Wi-Fi que cubra centos de miles de puntos de conexión nun breve espazo de tempo, baixo a lema “Wi-Fi para todos, eu apúntome”.