A batalla que manteñen a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) e a Frikipedia, unha versión disparatada da enciclopedia de código aberto Wikipedia, saldouse, de momento, a favor da primeira.
O caso é que a SGAE denunciou ao entón responsable da Frikipedia por proferir “improperios e insultos” nun artigo satírico sobre esta entidade baseándose na defensa do dereito á honra dos seus directivos. Nese artigo mencionábase á madrastra de Blancanieves e a Satanás entre as persoas que influíran nalgunhas decisións da SGAE. A denuncia levou ao creador da devandita web a clausurala, aínda que posteriormente reabriuse.
Un xuíz pronunciouse e fallou a favor da SGAE. A sentenza dita que o ex responsable da Frikipedia debe pagar á SGAE e ao seu avogado e director de relacións institucionais, Pedro Farré, unha indemnización de 400 e 200 euros respectivamente. En calquera caso, este fallo “non é firme e está pendente de apelación”, afirma o demandado no seu blogue.
Nestes momentos a Frikipedia mostra o seguinte aviso: “Esta web non está ‘aberta’, está en probas mentres dura a lea coa SGAE, nin sequera sabemos que vai pasar ao final. Para máis información usa o foro. Poderá ser pechada/aberta ou modificada sen previo aviso. Para máis inri temos problemas técnicos e a páxina funciona a bocaos. Abriremos normalmente (Ou non) cando as circunstancias o permitan. Perdoen as desculpas!”.