Google ofrece xa un novo servizo que alerta aos internautas a través dunha mensaxe de que o seu equipo pode estar infectado con malware. A compañía ofrece aos usuarios a posibilidade de saber se o seu computador corre algún perigo cunha mensaxe que aparece na parte superior do navegador.
O blogue de seguridade de Google explica que esta iniciativa xurdiu cando membros do equipo da compañía descubriron un tráfico “inusual” nun dos seus centros de datos. Despois de colaborar cos enxeñeiros de seguridade de varias empresas que enviaban este tráfico modificado, determinaron que os equipos que presentan este comportamento infectáronse cunha “cepa particular de software malicioso ou malware”, detalla.
A compañía decidiu que os usuarios saiban se o seu computador corre algún perigo cunha mensaxe que aparece na parte superior do navegador en cor amarela. “O teu computador parece estar infectado. Parece que o teu computador está infectado cun software que intercepta a túa conexión con Google e outros sitios”, dise no texto. Tras a mensaxe, aparece un link onde Google elaborou unha lista de recomendacións para acabar co malware e para que non volva suceder. Google aconsella instalar e manter actualizado un software antivirus e para mellorar o control do malware pide aos usuarios que informen a Google sobre aqueles tipos de software malintencionado non coñecidos ata o momento.
Google detecta que un computador está infectado porque algúns tipos de software malintencionado poden alterar a configuración do computador para redirixir a totalidade ou parte do tráfico a un servidor proxy controlado polo atacante. Cando o usuario utiliza Google, o proxy reenvía a consulta aos servidores de Google auténticos para obter os resultados de procura. “Se o noso sistema detecta procuras procedentes dun destes servidores proxy, móstrase a advertencia”, aseguran desde a firma.
“Esperamos que mediante a adopción de medidas para notificar aos usuarios sobre unha infección podamos axudarlles a manter actualizado o software antivirus e eliminar as infeccións”, conclúen no blogue oficial.