As críticas europeas ao proxecto de Google de dixitalizar millóns de libros obsoletos e vendelos en Internet fixeron que o buscador se comprometa a non colgar na Rede obras que se atopen dispoñibles en Europa.
A empresa estadounidense accede así a excluír do seu proxecto os volumes que estean aínda en circulación no continente, aínda que non existan ou se esgotaron en Estados Unidos, anunciou unha portavoz da firma, que enviou unha carta este fin de semana a editoriais europeas. Estes títulos “só poderán ser propostos aos usuarios estadounidenses de Google coa autorización expresa dos detentores de dereitos”, indica un comunicado do buscador.
Google espera desta forma vencer a oposición que suscitou en Europa, e especialmente en Alemaña, o seu ambicioso proxecto de dixitalizar para o mercado estadounidense todos os libros esgotados, suxeitos ou non a dereitos de autor, o que supón un 70% do total das obras publicadas no mundo. Para gañarse aos europeos, Google propuxo na súa carta de compromiso ofrecer dous postos do comité de dirección do rexistro de dereitos de autor a responsables do vello continente. Aínda que o proxecto está por agora destinado ao mercado estadounidense, o buscador non quere manchar a súa imaxe en Europa, onde ten un acordo con grandes bibliotecas nacionais e universitarias para escanear os libros que son de dominio público.
Os plans do buscador de dixitalizar millóns de obras son froito dun acordo ao que a empresa chegou en outubro de 2008 con autores e editores estadounidenses para distribuírse os beneficios (37% para Google e 63% para os donos da propiedade intelectual) da venda en Internet e crear un rexistro de dereitos de autor. A xustiza de Estados Unidos examina na actualidade o acordo, denunciado por competidores de Google, como Amazon e Yahoo!, que acusan o buscador de buscar erixir un monopolio.
Responsables de Google viaxaron o pasado luns a Bruxelas para explicar as súas intencións á Comisión Europea (CE) e promover o proxecto. “Habemos escaneado libros esgotados en máis de 400 idiomas, moitos deles extinguidos, como o latín”, explicou en rolda de prensa Dan Clancy, responsable de Google Books, orgulloso de que uns “30.000 propietarios de dereitos de autor desen xa o seu acordo”. Unha vez en Internet, Google asegura que os venderá a un “prezo razoable” e o usuario terá a posibilidade de ler ata o 20% da obra antes de decidir se a compra.