
A plataforma “Por un ADSL máis barato” presentou onte na sede do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio máis de 275.000 firmas para que o Goberno adopte medidas para rebaixar de maneira “incondicional” o prezo do ADSL e que así España se poida achegar nesta materia a outros países de Europa.
Os promotores desta iniciativa, ADSLZone.net, a Asociación de Internautas (AI), ADSLnet.es, Coveralia.com, Elotrolado.net, Tuexperto.com, Comfia.net e ADSLayuda.com, aseguran que Telefónica é o operador máis caro de toda a Unión Europea (UE).
Baseándose en datos da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), sinalan que a citada compañía ofrece maior velocidade de baixada e subida fóra do noso país. En concreto, “cobra 41 euros por un acceso de tres megas en España, mentres noutros países como Alemaña ofrece 16 megas desde 35 euros”, denuncian.
A plataforma lembra que o 40% da poboación non ten acceso a ofertas competitivas
Ademais, a plataforma lembra que o 40% da poboación non ten acceso a ofertas competitivas porque os operadores alternativos (Xa.com, Jazztel, Orange, Tele2) “non trasladaron ao usuario final os descontos aplicados polo regulador no prezo almacenista que cobra Telefónica”.
Estancamento
Os datos da CMT tamén reflicten que a pesar de que unicamente hai 20 liñas por cada 100 habitantes, a banda ancha fixa se estancó en 2008. En total contratáronse durante o pasado ano 1.033.162 liñas, un 24,52% menos que en 2007, cando se rexistraron 1.367.007 altas.
“Todo iso agrávase porque en España hai unha fenda dixital entre zonas rurais e urbanas que non para de crecer”, advirte a plataforma, que esixe ao Executivo a creación dun Fondo de Compensación do Servizo Universal que asegure que todos os españois teñan acceso á banda ancha.
Toque de atención
Esixen a creación dun Fondo de Compensación do Servizo Universal que asegure que todos os españois teñan acceso á banda ancha
A Asociación de Internautas (AI) cre que é necesario dar un “toque de atención” a Industria e lembrarlle que en España “hai 19 millóns de mileuristas que non poden pagar 70 euros mensuais por unha conexión a Internet”.
Considera esta organización que os españois non se merecen o ADSL “máis caro e lento” de Europa porque os seus salarios “non son mellores que os europeos”. Na súa opinión, se se paga máis aquí que no resto de Europa por acceder a Internet é “porque hai un forte desequilibrio que o Ministerio ten que solucionar”.
Pola súa banda, o responsable de ADSLZone.net, Javier Sanz, sinala que Telefónica cobra uns 60 euros ao mes polo servizo, mentres que noutros países de Europa o prezo que oferta esta mesma compañía non só é máis baixo -30 euros-, senón que ademais inclúe o dobre de velocidade.
Segundo Sanz, equiparar o ADSL español co do resto de países europeos aumentaría a penetración desta tecnoloxía no noso territorio, que actualmente é de 20 liñas por cada 100 habitantes, así como o número de internautas.