A Comisión de Supervisión dos Servizos de Tarificación Adicional (que se prestan a través dos prefixos 803, 806 e 807) presentou os informes sobre o volume de denuncias por incumprimento do Código de Conduta vinculante para os fornecedores destes servizos nos anos 2007 e 2008. No estudo correspondente ao pasado ano, indícase que a Comisión comprobou 267 números telefónicos dos 373 denunciados e propuxo á Secretaría de Estado de Telecomunicacións a retirada de 245, o 65,68% do total de números acusados.
Por outra banda, arquiváronse as denuncias sobre 22 teléfonos (o 5,89% do total) tras constatar que non se incumpriu o Código de Conduta ou porque eran reclamacións económicas pola indebida ou excesiva facturación por parte dun fornecedor. Este tipo de queixas tramítanse a través da Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións.
En 2008, a Comisión continuou coas medidas que se adoptaron en 2007 tras ter coñecemento de presuntas prácticas fraudulentas nos servizos prestados a través dos prefixos 800 (chamadas previo reclamo de oferta de traballo, obtención de agasallos, aviso de recollida de paquetería en correos, etc.), e que polas súas características, eran susceptibles de vulnerar os dereitos económicos e de información dos usuarios. Tamén se prestou especial atención á publicidade impresa de servizos de tarificación adicional.
Descenso nas denuncias
O pasado ano produciuse un descenso das denuncias realizadas polos particulares e as asociacións que defenden aos consumidores. O 28% dos expedientes correspondeu a denuncias de cidadáns, un 11% iniciáronse de oficio pola Comisión e o 61% restante correspóndense con denuncias presentadas por institucións de consumo. Ademais, tamén se produciu un baixón nas reclamacións por facturación indebida ou excesiva.
A maioría das actuacións realizadas durante 2008 estiveron vinculadas á publicidade de anuncios inseridos en prensa diaria de ámbito nacional. Ademais, atallouse prácticas relacionadas coa fraude e analizáronse os soportes alternativos, especialmente o teletexto.
Os anuncios por palabras e o teletexto, con case o 35% e o 30% das denuncias, respectivamente, coparon as causas das queixas. No primeiro caso, foron infraccións cometidas por non incluír a denominación do fornecedor do servizo, o prezo da chamada ou a expresión “para maiores de 18 anos” cando se trataba de servizos para adultos.
No segundo caso, as denuncias corresponderon a infraccións de normas sobre publicidade en anuncios de servizos de tarificación adicional que se realizaban neste tipo de páxinas. Os servizos de contactos (10,05%), fraudes con premios (9,09%) e ofertas laborais (5,74%) completaron os casos principais polos que se retiraron números telefónicos.