A Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) repartirá certificados dixitais durante a celebración de “Mundo Internet 2003”, do 19 ao 22 de febreiro en Madrid, segundo informou hoxe nun comunicado a Asociación de Usuarios de Internet (AUI), organizadora do evento.
Os certificados dixitais son a chave paira acceder aos servizos personalizados e a tramitación electrónica, sendo xa utilizados pola Administración Pública (Axencia Tributaria, Seguridade, Social, etc. ) e algunhas empresas. Con eles facilítase o envío confidencial de documentos a través de Internet, garantindo a privacidade, autenticidade e integridade do documento.
Os visitantes de “Mundo Internet 2003” poderán solicitar o seu certificado dixital de forma gratuíta no posto da FNMT. Con posterioridade, os usuarios poderán descargalo desde Internet. A AUI asegurou que a acollida destes certificados dixitais “está asegurada”, e afirmou que se prevé acabar 2003 co dobre” destes identificadores persoais.
Segundo a lexislación sobre firma electrónica, os certificados teñen garantía de validez xurídica con idéntico valor que a firma manuscrita, o que “impulsará definitivamente” as relacións das empresas por Internet á hora de formalizar os seus contratos, engadiu a AUI.
Ademais, os próximos correos electrónicos públicos, privados ou administrativos poderán aproveitarse do sistema de cifrado dos certificados, paira asegurar a calidade das súas comunicacións cos cidadáns.
A AUI considera que a Administración electrónica constitúe “un dos motores máis importantes” paira o desenvolvemento da Sociedade da Información en España e, por ese motivo, programou una sesión de “Mundo Internet 2003” dedicada aos responsables informáticos das administracións, na que participarán responsables do Goberno central, Generalitat de Cataluña, Goberno Vasco, FNMT e outras institucións relevantes.
O obxectivo desta sesión é que empresas e administracións coñezan os avances en teletramitación, os novos servizos que xa se poden pór en marcha, así como os programas de coordinación que poden facilitar o traballo entre elas.