O 30% dos consumidores españois cambiará de teléfono móbil no próximos seis meses, segundo un estudo sobre uso e consumo móbil realizado pola axencia de investigación de mercados TNS en todo o mundo. A pesar de que os españois están dispostos a pagar algo máis polo novo terminal, a cifra é inferior á dos consumidores doutros países, de acordo co estudo “Mobile Life”.
Os consumidores españois pagarían así 82 dólares (57,4 euros) menos que os consumidores doutros países desenvolvidos polo seu novo móbil e 85 dólares (59,5 euros) menos que os usuarios do resto de países europeos, onde o prezo que se está disposto a pagar polo seguinte terminal supera os 235 dólares (164,5 euros). Para o director do estudo en España, Julián Atienza, o usuario de móbil en España non está adoitado pagar “grandes cantidades” de diñeiro polo seu teléfono debido á forte subvención do terminal por parte do operador.
Respecto da idade, os consumidores españois de 31 a 40 anos, quen máis pagaron polo seu actual teléfono móbil, non están dispostos a investir unha cantidade maior polo seguinte teléfono. Pola contra, os mozos de entre 16 e 21 anos realizarían un maior desembolso no seguinte móbil. Para decidir que novo móbil adquiren, os usuarios españois acoden a promocións (41%), á experiencia anterior (35%) e aos puntos de contacto dixitais (38%), en particular as páxinas web de provedores de servizos.
Ao seleccionar o seu futuro terminal, os españois destacan o acceso rápido e instantáneo a Internet como motivo principal da elección, por encima da media europea ou global. Pola contra, outros aspectos que a nivel global son importantes, como escoitar a radio ou realizar vídeos e compartilos, non son prioritarios nin en España nin en Europa.