Un estudo elaborado pola empresa de servizos tecnolóxicos Unisys resalta un incremento das preocupacións respecto da seguridade á hora de realizar operacións bancarias por Internet. O 81% dos consumidores de toda Europa teme ser vítima de fraudes financeiras ou doutro tipo de acceso ou uso fraudulento dos seus cartóns de crédito ou de detalles das súas contas bancarias.
Un total de 22 millóns de persoas foron vítimas de estafas a través da Rede en Europa durante o ano 2006, segundo Unisys. A compañía advirte de que a chegada das datas do Nadal é unha época propicia para o aumento desta estatística, xa que gran parte do 55% dos consumidores europeos recorren aos comercios en liña para as súas compras do Nadal.
Os alemáns son os máis preocupados neste apartado (un 54%), seguidos dos holandeses (15%), os italianos (20%) e os franceses (20%).
Por último, máis da metade dos enquisados belgas (58%) e dos franceses (56%) afirmaron que estaban extremadamente ou moi preocupados pola posibilidade de que terceiros puidesen obter e utilizar detalles dos seus cartóns de crédito ou débito, mentres que algo menos da metade dos holandeses (43%), españois (39%) e italianos (35%) mostraban preocupación.
Esta cifra contrasta cos datos que suxiren un aumento da confianza dos consumidores na Rede, tendo en conta que as vendas a través de páxinas web en Europa alcanzarán os 51.000 millóns de euros no Nadal deste ano.