A que se considera a Biblia máis antiga que sobreviviu ata os nosos días xa está a disposición de todos os internautas de forma totalmente gratuíta. As máis de 800 páxinas e fragmentos do Codex Sinaiticus pódense consultar en Internet grazas aos últimos adiantos tecnolóxicos.
Este proxecto levárono a cabo a Biblioteca Británica, a Biblioteca da Universidade de Leipzig (Alemaña), o Mosteiro de Santa Catalina, no Monte Sinaí (Exipto), e a Biblioteca Nacional de Rusia, en San Petersburgo. Estas institucións gardaban diferentes partes do Codex.
Orixinalmente, o códice, escrito en grego, tiña máis de 1.460 páxinas, cada unha das cales medía 40,6 centímetros de alto por 35,5 de ancho. “Ofrece material documental de primeira man sobre como se transmitiu a Biblia de xeración en xeración”, sinala Scot McKendrick, director do departamento de manuscritos occidentais da Biblioteca Británica.
“Transcribir as fráxiles páxinas dun texto antigo de máis de 650.000 palabras foi un gran reto”, sostén o profesor David Parker, da Facultade de Teoloxía da Universidade de Birmingham (Inglaterra) e responsable do equipo que realizou a dixitalización, que inclúe páxinas atopadas en 1975 nunha habitación do Mosteiro de Santa Catalina.
As imaxes dixitais permiten observar a diferenza entre as caligrafías dos distintos escribas que copiaron o texto. Ata agora críase que tres escribas realizaron o Codex. Con todo, a dixitalización demostrou que houbo un máis.