O monte máis alto do mundo, o Everest (Nepal), conta desde hoxe cunha estación de telefonía móbil, pertencente a China Mobile. Atópase a 6.500 metros sobre o nivel do mar, á mesma altura que a estación meteorolóxica instalada tamén por expertos chineses.
Non hai ningunha outra estación de telefonía no planeta a semellante altitude e o seu principal labor será o de proporcionar servizo aos montañeiros que está previsto que ascendan a montaña co facho olímpico.
Subir o lume olímpico ao Everest é unha das principais ambicións de Pequín 2008. E a cousa non é sinxela. Os montañeiros terán que manter a chama a temperaturas e presións moi baixas.
A ascensión está previsto que sexa retransmitida en directo. A data exacta deste acontecemento aínda non se sabe, posto que dependerá das condicións climatolóxicas. O que é seguro é que será en maio próximo.