Os ministerios de Industria e Cultura están a atopar dificultades para fixar un canon dixital que sexa razoable e asumible polos consumidores. Así o recoñeceron onte os titulares destes departamentos, Joan Clos e Carmen Calvo, respectivamente, quen apuntaron que probablemente a decisión atrasarase máis aló de finais deste mes, que era o prazo que se estableceu.
No Foro Cinco Días, Clos lembrou que como as empresas de electrónica e as sociedades de xestión de dereitos de autor non chegaran a un acordo sobre a contía do canon dixital, tocoulle decidir ao Executivo. Segundo dixo, “estamos a dialogar no seo do Goberno, Cultura, nós e as partes afectadas” para conseguir unha solución.
O ministro de Industria engadiu que non queren precipitarse. “Á fin e ao cabo non debe ser fácil cando eles non se puideron pór de acordo”, afirmou.
Pola súa banda, Carmen Calvo asegurou que entre os ministerios de Industria e Cultura “non existe guerra ningunha”. “Industria -precisou- ten que atender a uns sectores e Cultura a outros e, por tanto, sempre necesitamos axustes que é o normal e o propio en democracia e moito máis no marco dun Consello de Ministros”.
Calvo recoñeceu que “temos un prazo fixado ata final do mes de marzo, que francamente non creo vaiamos cumprir “. E destacou que o seu obxectivo é protexer os dereitos de autor e a propiedade intelectual. “É unha ilusión imposible e indefendible quen pense que a cultura ten que ser gratis”, concluíu.