O Senado tomará en consideración a proposición de lei do PP que pide a supresión do canon do CD e DVD virxes, e que agora será tramitada no Congreso. A iniciativa aprobouse por un só voto de diferenza ao votar un senador socialista a favor da mesma por erro.
Durante o debate, o resto de grupos rexeitou a proposición do PP, pois presentaron conxuntamente unha moción para debater a semana próxima sobre este asunto. Esta moción insta o Goberno a elaborar nun ano unha reforma integral do Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual.
A proposición de lei pide modificar o texto refundido da Lei de Propiedade Intelectual para suprimir un canon “que supón un grave prexuízo ás empresas que traballan con estes soportes, porque se lles obriga a pagar dereitos de autor cando os están utilizando para almacenar imaxes de seguridade ou documentos cos seus propios datos contables”.
A xuízo da senadora popular Mercedes Coloma, trátase dunha “taxa indiscriminada” e “este debate está na rúa”, mentres que no Goberno hai un “enfrontamento” entre a postura do Ministerio de Industria e de Cultura. Advertiu ademais de que o seu grupo está en contra deste e outros canons que se queiran establecer no futuro.
Pola súa banda, o socialista Arcadio Díaz avogou por consentir “e tutelar os dereitos lexítimos dos autores, dos creadores”, e tamén os que protexen “a accesibilidade á cultura”. Díaz defendeu a moción presentada polo resto de grupos porque é “máis sensato” dar ao Goberno unha marxe de tempo para abordar “un asunto de tanta transcendencia”.
A senadora de CIU Rosa Nuria Aleixandre dixo que o canon leva aparellados varios perigos: como que “a pirataría se converterá en norma”, que a industria “será menos competitiva”, e que “se está gravando ás familias, ás pequenas e medianas empresas, aos profesionais”.
Mentres, o senador nacionalista vasco Francisco Xabier Albistur lembrou que en 2003 o PP subscribiu o acordo para introducir o canon nos novos soportes dixitais.
Finalmente, o portavoz de Entesa, Jordi Guillot, afirmou que o PP “ten a obrigación de explicar por que non presentou antes esta iniciativa”, e apostou por unha reforma integral da lei, non unha “solución parcial”.
Satisfacción dos usuarios
A Asociación de Internautas (AI) felicitouse pola decisión tomada onte no Senado. “A democracia impúxose unha vez máis e a proposición de lei para a supresión do canon indiscriminado foi aprobada polo Senado”, manifestou a AI tras coñecer o resultado da votación.
Víctor Domingo, presidente da AI, censurou aos grupos parlamentarios “porque puxeron de manifesto o seu rexeitamento ao canon pero votaron en contra da iniciativa, algo rarísimo e difícil de xustificar”.
Neste sentido, a AI critica a actitude que mantiveron os socialistas que, xunto co apoio de Entesa Catalá-Els Verds, PNV, Grupo Mixto, Converxencia i Uniu e Coalición Canaria, “pretendían dilatar a cuestión exposta un ano máis encargándolle ao Goberno a redacción dun proxecto de lei en tal prazo para abordar a mellor adecuación á contorna dixital da lexislación sobre propiedade intelectual”.
A Federación de Consumidores en Acción (FACUA) tamén mostrou a súa satisfacción, “aínda que contida dado a axustada marxe dun só voto”, pola aprobación da proposta e sinalou que máis de 22.000 usuarios adheríronse xa á campaña de recollida de firmas que emprendeu o pasado 30 de marzo para reivindicar a modificación da Lei de Propiedade Intelectual, a fin de acabar cos sistemas anticopia en obras musicais e audiovisuais.
Esta organización dirixiu unha carta aos ministerios de Cultura, Sanidade e Consumo, e Industria, Turismo e Comercio, e a todos os grupos políticos do Congreso e o Senado, na que solicita a modificación do artigo 25 da Lei, de forma que no establecemento de remuneracións para compensar os dereitos de propiedade intelectual non só queden excluídos, como ata a data, os programas de computador, senón tamén os soportes en CD e DVD, os equipos informáticos, as conexións a Internet e calquera outro dispositivo informático e sistema de almacenamento ou reprodución dixital.
Pola súa banda, a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) atribúe a un “accidente parlamentario” a aprobación da proposta. “Tratouse dun accidente parlamentario no máis literal dos sentidos. Un erro humano e a falta de asistencia ao Pleno”, dixo un portavoz da SGAE.
A entidade de xestión de dereitos de autor cre que a posición do PP “non é compartida por outros correlixionarios do partido na Administración pública”. Na súa opinión, os grupos parlamentarios son favorables á “remuneración compensatoria, como non podía ser doutra maneira”.