Vistos os malos resultados dos escolares españois en comprensión lectora revelados polo último Informe PISA, calquera iniciativa que promova o hábito de ler é benvida. A posta en marcha pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) aproveita a proximidade entre Internet e os mozos.
Trátase dun xogo que consta de catro niveles que inclúen preguntas relacionadas coa lectura e diferentes retos. Os que superen o primeiro nivel entrarán no sorteo dunha alfombra para o rato. Pasar o segundo nivel ten como premio cámaras e MP3, mentres que superar o terceiro suporá entrar no sorteo de dous computadores portátiles. O primeiro premio, para os que aproben con éxito o cuarto nivel, é unha viaxe a Londres.
Os internautas poden participar ata o 30 de decembro nesta páxina web (www.leertienepremio.com). As preguntas respóndense a través dun libro virtual. En cada páxina hai un reto. E en cada capítulo diferentes xogos. Na web atópanse as bases do concurso.
Aínda que o índice de lectura en España mellorou nos últimos anos, mantense aínda moi lonxe da media europea, segundo os datos da FGEE. A taxa é dun 55,5% e representa a 21,1 millóns de persoas. O grupo de poboación que máis le son os nenos entre 10 e 13 anos (88,2%).