As comunicacións cada vez son máis dixitais, máis móbiles e máis anchas. O informe “Dixital Life 2006”, presentado onte pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), constata que os medios de comunicación dixitais xa son os máis utilizados entre a poboación mundial, por encima da televisión, a radio, os xornais ou o cinema.
As persoas entre 18 e 54 anos son as que máis empregan os medios dixitais, unhas 16 horas á semana, fronte ás 13 que dedican á televisión, o oito á radio, as dúas a xornais e revistas, e a única hora que deixan reservada para o cinema.
Pola súa banda, os menores de 18 dedican aos medios dixitais unha media de 14 horas semanais, fronte ás 12 da televisión, o seis da radio e as dúas horas que reservan a xornais, revistas e cinema.
En cambio, os maiores de 55 anos aínda dedican 16 horas semanais á televisión, mentres que para os medios dixitais reservan oito, sete á radio, cinco aos xornais, tres ás revistas e menos de 60 minutos ao cinema.
Móbiles e banda ancha
No que ás comunicacións móbiles refírese, o informe da UIT indica que xa hai máis de mil millóns de liñas de telefonía móbil en todo o planeta.
Os países con máis usuarios de móbiles son China (393 millóns), EE.UU. (201), Rusia (120), Xapón (94), India (90), Brasil (86), Alemaña (79), Italia (72), Reino Unido (61), Francia (48), México (47), Indonesia (46), Turquía (43), España (41), Corea do Sur (38), Sudáfrica (34), Filipinas (33), Polonia (29), Tailandia (27) e Taiwan (22).
Respecto das comunicacións por banda ancha, a axencia da ONU calcula que hai 216 millóns de subscritores a liñas de alta velocidade e máis de 61 millóns a liñas móbiles do mesmo tipo.
Neste apartado, EE.UU. sitúase á cabeza, con 49 millóns de conexións por banda ancha, seguido de China, con 37 millóns; Xapón, con 22 millóns; Corea do Sur e Alemaña, con 12 millóns; Reino Unido e Francia, con nove; Italia, con sete; Canadá, con seis; España, con cinco; Taiwan e Holanda, con catro; Brasil, con tres; México, Australia, Bélxica, Suecia e Suíza, con dous, e Hong Kong e Turquía, cun millón.