O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio resolveu os concursos públicos convocados para o outorgamento dunha concesión de espectro radioeléctrico na banda de 900 MHz e de tres concesións na banda de 1.800 MHz, mediante a firma de senllas ordes ministeriais. Industria destaca que os adxudicatarios, de ambos os concursos, Orange e Yoigo, “realizaron unha forte aposta polo despregamento de infraestruturas de comunicacións móbiles. Entre os dous comprometeron uns investimentos de 733 millóns de euros, unha cifra moi superior aos 186 millóns de euros esixidos polo prego”.
A concesión de uso privativo de dominio público radioeléctrico na banda de 900 Mhz adxudicouse a France Télécom España (Orange), o único licitador que se presentou ao concurso público -Telefónica e Vodafone estaban excluídos-. A concesión que se outorga é de ámbito estatal e habilita ao uso dun bloque de frecuencias de 5 MHz pareados ata o día 31 de decembro de 2030. Na explotación deste bloque de frecuencias poderase utilizar, ademais de sistemas GSM, sistemas UMTS, LTE e Wimax, de acordo co principio de neutralidade tecnolóxica. Tamén se autoriza a aplicación do principio de neutralidade de servizos.
France Télécom España comprometeuse a realizar un investimento total de 433 millóns de euros en modernas infraestruturas de comunicacións móbiles, “unha cifra moi superior á esixida no prego para o tres primeiros anos da concesión, 126 millóns de euros”, asegurou Industria. Do total do investimento comprometido, máis de 204 millóns de euros destinaranse a unidades poboacionais de menos de 5.000 habitantes. A maior parte deste investimento, 136 millóns de euros, levará a cabo no primeiro ano da concesión.
Pola súa banda, o tres concesións de uso privativo de dominio público radioeléctrico na banda de 1.800 Mhz adxudicáronse a Xfera Móbiles (Yoigo), o único licitador que se presentou ao concurso público. As concesións a outorgar son de ámbito estatal, das cales dúas asignarán, cada unha delas, o uso dun bloque de 5 MHz pareados, e a terceira asignará o uso dun bloque de 4,8 MHz pareados. As concesións finalizan o 31 de decembro de 2030. Xfera Móbiles comprometeu un investimento total acumulada de 300 millóns de euros, cifra que multiplica por cinco a esixida no prego, que era de 60 millóns de euros. Destaca en especial a cifra de investimento no primeiro ano da concesión, que supera os 168 millóns de euros. Adicionalmente, o licitador efectuou, de acordo co esixido no prego, unha achega directa ao Tesouro Público de 42 millóns de euros, sinalou Industria.