Os dispositivos tecnolóxicos mantéñense un ano máis como os produtos máis demandados en Nadal. Atópanse a unha distancia abismal respecto dos libros á hora de solicitar un agasallo por estas datas.
Unha enquisa realizada pola comunidade virtual Habbo Hotel, indica que o 65% dos adolescentes españois decántanse pola tecnoloxía á hora de elixir o seu agasallo do Nadal. Entre eles, un 33,4% pide consolas ou videoxogos como obsequio e tan só un 4% elixe libros.
Os adolescentes, ademais de por as consolas e os videoxogos, tamén se decantan polos teléfonos móbiles. Case o 50% prefírenos con cámara de fotos incorporada, por encima dos que elixen accesorios como a conexión a Internet (15,8%), carcasas intercambiables para personalizalo (3,4%) ou a posibilidade de gravar vídeos (28%).
Os altos gastos familiares que se realizan ao concluír o ano non inciden na lista de agasallos confeccionada polos nenos, como demostra o feito de que case o 45% deles inclúen nas súas peticións entre un e cinco obsequios.