Os usuarios de móbiles prepagamento que non proporcionasen os seus datos ás compañías de telecomunicacións terán seis meses de prazo para identificarse e recuperar o seu número de teléfono. Esta moratoria é posible tras o acordo alcanzado polo ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, e as principais compañías de teléfonos móbiles que operan en España: Telefónica, Vodafone e Orange.
Os clientes que se quedaron sen liña recibirán un aviso da operadora cada vez que tenten facer unha chamada. Esta mensaxe lembrará ao dono do móbil que debe contactar coa súa compañía para identificarse. Se despois do seis meses o usuario segue sen darse de alta, eliminarase de forma definitiva a súa liña.
Rubalcaba explicou que a ampliación do prazo non vai prexudicar aos usuarios e ás operadoras, porque os primeiros poderán continuar co servizo e as segundas manterán o número de clientes.
O ministro recoñeceu o fracaso das campañas de información iniciadas tras a aprobación da Lei de conservación de datos relativos ás comunicacións electrónicas e ás redes públicas de comunicación, que entrou en vigor o 9 de novembro de 2007. Esta norma establece que os operadores de servizos de telefonía móbil prepagamento deberán levar un rexistro no que conste a identidade dos clientes. Rubalcaba dixo que os colectivos que máis preocupan para adaptarse á lei son os mozos e, sobre todo, as persoas maiores, posto que en moitos casos este colectivo non necesita tanto dispor de telefonía móbil. O ministro de Interior lembrou a necesidade de que se identifique todo o mundo, xa que os delincuentes podían comunicarse con impunidade sen que as autoridades estivesen ao corrente.