Controlar o orzamento resulta fundamental para ter unha visión clara e precisa da nosa situación financeira: cal é a nosa capacidade de aforro, que nos fai gastar diñeiro de maneira innecesaria e cal é o noso cociente de endebedamento, é dicir, que nivel de débedas ou pagos a prazos pode soportar a nosa economía persoal. As infinitas follas de Excel xa non son a única opción para manter ao día os nosos ingresos e gastos. Moitas aplicacións para o móbil axúdannos a botar contas. Como funcionan e que nos ofrecen estas apps? Probamos algunhas.
1. Rexistro Contable
Unha sobria interface dános a benvida e ofrécenos tres apartados: un resumo de movementos, estatísticas dos nosos ingresos e gastos e, finalmente, un resumo de como van as nosas contas.
- O mellor. A súa versión gratuíta dános acceso a todas as súas funcións, aínda que con certas limitacións e con publicidade. Tamén dispón dunha versión premium, pero que nesta ocasión non é unha subscrición mes a mes, senón dun pago único de 4,99 euros. Esta versión ofrécenos unha sincronización cunha interface para computador e a posibilidade de engadir un número ilimitado de contas bancarias.
- O peor. Non nos permite sincronizar coa conta bancaria, nin sequera na versión premium, polo que non admite a posibilidade de automatizar o rexistro de gastos ou ingresos. Temos que polos todos a man.
- 4,6 estrelas (Google Play). 185.866 valoracións. +5 millóns de descargas. Para Android e iPhone.
2. Wallet
Con esta app podemos rexistrar gastos, ver estatísticas, facer orzamentos…
- O mellor. Conta cunha serie de funcións interesantes. A primeira é Débedas, que se integra coa axenda de contactos para ter controlado quen nos debe diñeiro ou a quen llo debemos, cos recordatorios pertinentes. Ademais, ofrécenos a posibilidade de rexistrar pagos recorrentes, facer listas da compra con orzamento asociado, reunir os cartóns de fidelización ou unificar os datos das garantías dos produtos que compramos.
- O peor. O prezo. Se queremos sincronizar a conta bancaria ou levar os gastos de varios usuarios, hai que subscribir un plan premium mensual (4,79 euros/ mes), anual (28,99 euros/ano) ou para sempre (único pago de 54,99 euros).
- 4,6 estrelas (Google Play). 113.340 valoracións. +1 millón de descargas. Para Android e iPhone.
3. Fintonic
Cunha interface sinxela e intuitiva, non fai falta que apuntemos nin categoricemos a man cada gasto ou ingreso, xa que a propia app detéctao, identifícao e clasifícao ao conectarse co noso banco. Podemos consultar os movementos, recibir alertas e manter un control por semanas, meses ou anos. Ademais, ofrécenos o chamado Finscore, unha puntuación da saúde financeira que podemos comparar co resto de usuarios da mesma idade e lugar: un indicativo do noso rating crediticio.
- O mellor. Podemos conectar gratis tantas entidades financeiras como queiramos, a diferenza da maioría de apps deste xénero. Non ten versión premium, pero actualízase con frecuencia.
- O peor. A venda cruzada con outros servizos, como seguros ou préstamos, que usan a plataforma. Aparecen como publicidade, aínda que de forma pouco intrusiva.
- 4,4 estrelas (Google Play). 48.570 valoracións. +1 millón de descargas. Para Android e iPhone.
4. Toshl
Esta app ten o seu punto diferenciador en que nos ofrece a posibilidade de crear os nosos orzamentos, tanto por diferentes períodos de tempo como por categorías de gasto. Entre as súas funcións máis destacadas, permítenos conectarnos coas contas bancarias para o rexistro dos movementos e a de realizar unha detallada planificación económica das finanzas.
- O mellor. Conta cunha opción interesante: Caudal, unha representación gráfica dos ingresos e gastos que, rapidamente, dá unha visión da situación financeira e de se será suficiente para chegar a fin de mes. A súa versión gratuíta pode ser suficiente.
- O peor. Todas as funcións automatizadas son de pago e, ademais, cun custo recorrente, xa sexa mensual ou anual, que vai de 3 a 5 euros ao mes.
- 4,3 estrelas (Google Play). 27.731 valoracións. +1 millón de descargas. Para Android e iPhone.
5. Spendee
Esta aplicación dispón de múltiples funcionalidades: desde marcar un obxectivo de aforro e indicar o prazo de realización ata recibir notificacións sobre o noso cumprimento sen ter que abrir a app.
- O mellor. Ofrécenos unha cronoloxía dos ingresos e os gastos, así como a posibilidade de ter geolocalizados nun mapa os lugares e comercios nos que se pagou.
- O peor. Aínda que a opción gratuíta é completa, se queremos usar a súa versión premium, temos que abonar unha cota mensual de 3,99 euros ou anual de 18,99 euros. Nesta versión podemos automatizar o noso rexistro de gastos e ingresos mediante a sincronización coa conta bancaria. Tamén nos brinda un número ilimitado de orzamentos e a posibilidade de compartir un eWallet (moedeiro virtual para pagos en efectivo).
- 4,2 estrelas (Google Play). 25.701 valoracións. +1 millón de descargas. Para Android e iPhone.
6. Oingz
Máis que na análise dos gastos e os ingresos, esta app basea o seu funcionamento en obxectivos económicos: desde comprar unha casa ata cambiar de móbil, aforrar para os estudos dos nosos fillos ou facer unha reforma.
- O mellor. Podemos establecer tantos obxectivos como queiramos e, sobre todo, axustalos a un plan de aforro mensual. Ademais, permítenos categorizar as metas de aforro pola súa prioridade, analizar se podemos afrontalas mes a mes e descubrir canto tempo levará alcanzalas.
- O peor. Cunha versión premium en camiño, os inconvenientes son as súas limitacións. Resulta útil para axudarnos a aforrar coa vista posta nun obxectivo, pero fáltalle a parte de operativa diaria que permitiría controlar os gastos. Ademais, non se conecta co banco, polo que temos que introducir os datos a man.
- 4,4 estrelas (Google Play). 151 valoracións. +10.000 descargas. Só para Android.
7. Tintina
En lugar de presentarnos un panel de gastos e ingresos, funciona como un chat cun bot co que podemos comentar os gastos, preguntar como vai o orzamento, ver os detalles da nosa conta ou saber en que gastamos máis diñeiro. Ofrécenos un sinxelo resumo das nosas finanzas, os gastos ata a data, o aforro e a proxección das contas de face ao futuro.
- O mellor. Preséntase como un asistente virtual que ofrece unha serie de consellos a medida que se interactúa con el. Por exemplo, se detecta que existe un gasto excesivo en restaurantes, recomendará cociñar en casa para aforrar nesta partida.
- O peor. Aínda que é unha app gratuíta, temos que introducir cada gasto ou ingreso a man: non nos ofrece a posibilidade de conectar coa conta bancaria para que o informe crese de forma automática.
- 4,7 estrelas (Google Play). 230 valoracións. +5.000 descargas. Para Android e iPhone.