O incumprimento dos prazos establecidos na Lei de Propiedade Intelectual (LPI) para fixar as contías do canon dixital é motivo de satisfacción para Todoscontraelcanon. “Isto supón unha vitoria para a plataforma posto que nin os propios ministerios (Industria e Cultura) puxéronse de acordo nos soportes e dispositivos que serán gravados nin na contía destes”, dixo un dos seus membros.
No entanto, advirte de que a falta de pronunciamento dos titulares das carteiras de Industria e Cultura -Joan Clos e Carmen Calvo, respectivamente- provocou a inseguridade xurídica de empresas e consumidores, motivada pola incerteza das contías do gravame, “porque -segundo esta mesma fonte- esta lei ten carácter retroactivo e a incerteza desacelera a actividade económica do sector”.
Nestes momentos, Calvo e Clos están a dialogar no seo do Goberno para chegar a un acordo, pero, en opinión de Todoscontraelcanon, non haberá unha resposta ata despois das eleccións do próximo 27 de maio.
Doutra banda, os responsables desta iniciativa mostran o seu descontento coa ministra de Cultura por dicir que o motivo do atraso é o desexo dos representantes de escoitar a todas as partes afectadas, “cando ningún dos membros da plataforma foi convocado para poder expor o que teñen que dicir”.
Todoscontraelcanon recolleu na última semana 215.000 firmas, que unidas ás que xa había suman un total de 1.215.135 rúbricas. “Isto é unha proba máis do fracaso dunha lei inxusta, indiscriminada e que non contenta a ninguén”, afirma a plataforma.