Youtube subscribiu acordos con varias produtoras como Sony e Metro Goldwyn Mayer para emitir películas de forma íntegra. O portal de vídeos, propiedade de Google , adquiriu “centos” de series e películas que planea emitir proximamente, informaron o portal CNet.
Ademais das mencionadas produtoras, Youtube chegaría a acordos con Lionsgate, Starz ou cadeas estadounidenses como CBS e británicas como a BBC. Os responsables do sitio, que aínda non fixeron oficial estes convenios, poderían recorrer ao pago por visión para obter beneficios. De momento non transcendeu ningún acordo con cadeas españolas.
O popular portal de vídeos pretende desta forma aumentar a audiencia de internautas que buscan contidos íntegros e profesionais, e non só cortes de programas ou vídeos creados polos propios usuarios. E é que este sistema demostrou non ser unha vía de negocio desde o punto de vista dos ingresos publicitarios. A este respecto, o conselleiro delegado de Google, Eric Schmidt, insinuou que poderían recorrer ás cotas para acceder a eses novos contidos.
Youtube afrontará ademais un cambio no deseño. Así, incluirá un apartado específico dedicado a profesionais do cinema e a televisión. Así mesmo, crearanse pestanas novas, como unha dedicada a Programas “”, onde se agruparán os contidos por xéneros, e outra para “Subscricións”, que servirá para que os usuarios reciban alertas coas novidades. Ademais, o portal accedeu a inserir o reprodutor da páxina de Sony Crackle.