Google, propietario do portal Youtube, anunciou a incorporación dunha nova ferramenta de identificación de contido (Content IDE System) que alertará aos socios desta plataforma sobre o uso non autorizado de determinadas gravacións e permitiralles bloquear un vídeo ou audio que infrinxa os dereitos de autor. O novo sistema tamén posibilita a inhabilitación específica de determinados vídeos para algunhas rexións do mundo.
A última actualización do portal incorpora outro novo compoñente, Youtube Insight, que permitirá aos usuarios que suban contidos coñecer as súas estatísticas. Outra das grandes novidades que supón esta recente modernización é a posibilidade de obter ingresos a través da venda de anuncios publicitarios.
Youtube explica que o Content IDE System é unha tecnoloxía de vangarda que concede aos propietarios dos dereitos de autor a posibilidade de identificar os vídeos subidos polos usuarios, así como elixir por adiantado a acción a executar con eses contidos: obter ingresos, coñecer todas as súas estatísticas a través do perfil ou bloquear os contidos non autorizados no portal. Ademais, o xigante de Internet afirma que mediante esta nova ferramenta reduciranse as infraccións por usos non autorizados de materiais.