Os responsables de Air Madrid dixeron que devolverán o prezo íntegro dos billetes a todos os viaxeiros que non chegaron a voar debido o peche da aerolínea se aproban por maioría a proposta anticipada de convenio que a compañía presentou ante o Xulgado do Mercantil número 5 de Madrid, que tramita o concurso voluntario.
A este convenio poderanse acoller os pasaxeiros que tiñan billete con data posterior ao 15 de decembro e que non chegaron a voar. A devolución tardaría preto dun ano desde que se aprobe o convenio. Segundo fontes de Air Madrid, o número de afectados que poderían beneficiarse desta medida situaríase ao redor dos 35.000, cifra que terán que confirmar os administradores concursais no seu informe patrimonial.
Os viaxeiros que non chegaron a voar con Air Madrid pero si o fixeron cos avións programados por Fomento ou outras compañías aéreas quedan excluídos do convenio, que foi aceptado polo xuíz que leva o caso.
Os que presentasen reclamacións ante o xulgado terán que esperar á finalización do concurso, un prazo de cinco anos aproximadamente, para poder recuperar o 50% da cantidade reclamada.
Os afectados que se adhiran ao convenio teñen de prazo desde o 18 de xuño ata o 27 de xullo para presentar no xulgado unha fotocopia do billete, outra do DNI ou pasaporte, e encher un formulario de adhesión ao convenio. Tamén poderán personarse a través do seu procurador ou ante as notarias indicadas na web www.administracionconcursal.airmadrid.com.