British Airways (BA) enfróntase a unha crise de equipaxes en Heathrow. No aeroporto londiniense amontóanse 22.000 vultos de pasaxeiros da aerolínea británica despois da falsa alarma de atentado da pasada semana, segundo informaron os sindicatos de traballadores de terra.
A situación é bastante grave. O persoal de terra encargado da equipaxe non é suficiente para a cantidade de maletas que transporta a aerolínea en plena tempada de vacacións. Ademais, moitos maleteiros néganse a realizar horas extras. Por iso, BA non tivo máis remedio que buscar voluntarios entre os seus propios traballadores e contratou a unha empresa externa.
Os pasaxeiros deben esperar polo menos un día para recuperar a súa equipaxe, segundo informou a BBC.
BA decidiu contratar a novo persoal, pero dificilmente estará dispoñible durante estas vacacións debido aos rigorosos exames de seguridade a que son sometidos os candidatos.
Dáse a casualidade de que British Airways foi a compañía aérea europea que máis maletas extraviou en 2006. Segundo os datos da Asociación Europea de Aerolíneas (AEA), perdeu máis dun millón de equipaxes.