O Forum Universal das Culturas Barcelona 2004 espera atraer a preto de 1,5 millóns de visitas de fóra de Cataluña, sobre o total dos cinco millóns de persoas que espera acoller no recinto. Paira iso, os responsables do evento xa contactaron con preto de 2.000 operadores turísticos paira dar a coñecer as posibilidades do evento.
As primeiras accións promocionais comezaron en novembro de 2002, tras a elaboración dun plan consensuado coas administracións e despregado a través dos seus organismos de promoción: Turismo de Barcelona, Turismo de Cataluña e Turespaña.
O responsable de Turismo Nacional e Internacional do Forum, Gustavo Bassotti, explicou que a liña principal do traballo do plan é a presenza en feiras nacionais e internacionais, tanto paira un público profesional como xenérico, e engadiu que se primarán mercados máis próximos a Barcelona, como o sur de Francia, ou os que tradicionalmente visitan Cataluña, a Costa Brava e a capital catalá.
Neste sentido, Bassotti dixo que os mercados que maior interese mostraron até o momento foron os de Gran Bretaña, Alemaña e Países Baixos. En canto a Latinoamérica, destaca Brasil, apuntou o responsable de Turismo.
A nivel turístico, Bassotti precisou que o Forum só impulsa a venda de entradas ao recinto, en especial a dun día, e non os pases ás exposicións e actividades que levarán a cabo en diferentes equipamentos da cidade.
En canto a feiras, o responsable de Turismo dixo que o Forum ten previsto acudir a Fitur, a finais de xaneiro de 2004; á ITB de Berlín, que se celebra a principios de marzo; á MITT de Moscova, a finais do mesmo mes; e ao SITC de Barcelona, en abril.
Respecto ao turismo nacional, polo momento efectuáronse presentacións en Madrid, Valencia, Bilbao, Zaragoza e Sevilla, ás que se engadirán Burgos e Xixón e, probablemente, Mallorca e algunha cidade galega.
O Forum 2004, que terá lugar do 9 de maio de 2004 ao 26 de setembro, virará ao redor de tres eixos temáticos: diversidade cultural, desenvolvemento sustentable e condicións da paz. Entre a súa oferta destacan exposicións, talleres e mercadillos. Así mesmo, representaranse espectáculos culturais e de entretemento.