Un estudo científico independente dado a coñecer esta semana pola Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA, as súas siglas en inglés) considera “inaceptables” as normativas dos distintos países da Unión Europea (UE) para previr a fatiga nas tripulacións aéreas.
Segundo informou o Sindicato Español de Pilotos de Liñas Aéreas (SEPLA), este informe indica que ditas normas “exceden os límites razoables” e “permiten unha carga elevada de traballo”, co consecuente efecto que isto ten en materia de seguridade operacional.
En España, as tripulacións poden voar actualmente ata un máximo de 18 horas, o cal, seguindo as conclusións do informe, multiplica por 5,5 veces os efectos negativos da fatiga. “Este factor resulta decisivo no 15%-20% dos accidentes achacables ao erro humano”, alertou o sindicato.
Desde o SEPLA reclaman ao Ministerio de Fomento “que, coa maior rapidez, adecue a lexislación española ás conclusións recollidas no estudo feito público por EASA”.