Máis do 60% dos préstamos hipotecarios pendentes de pago están expostos á alza dos tipos de interese. Segundo advertiu onte a Asociación Hipotecaria Española (AHE), se o custo dos intereses mantén a súa corrente alcista e alcanza valores de fai seis anos, as letras das hipotecas asinadas a partir de 2002 encareceríanse en ata 1.170 euros anuais respecto ao custo actual.
No seu informe sobre “O custo da débeda hipotecaria no segundo trimestre de 2007”, a AHE pon de relevo a enorme porcentaxe de contratos asinados nos últimos anos. Xusto cando os tipos de interese estaban en mínimos históricos.
Só un 8% da carteira hipotecaria contratouse antes de 1997
O sector constata que parte da poboación, sobre todo os máis novos, foron expulsados do mercado. Se o custo dos intereses mantén a súa corrente alcista e alcanza valores de fai seis anos, asegurou a AHE, as letras das hipotecas asinadas a partir de 2002 encareceríanse en ata 1.170 euros anuais respecto ao custo actual.
“O custo actual de amortización da práctica totalidade dos préstamos hipotecarios que se revisen en xuño de 2007, e utilicen o euribor como índice de referencia, verase incrementado con respecto ao custo de amortización soportado durante 2006”, engade o informe.
En calquera caso, lembra que “o impacto absoluto da variación do euribor sobre as cotas mensuais de amortización depende do importe inicial do préstamo e do prazo de amortización contratados, polo que cada caso debe ser analizado de forma individualizada”. A asociación dispón na súa páxina web dun simulador hipotecario que permite calcular cada crédito.
Só un 8% da carteira hipotecaria contratouse antes de 1997. O resto formalizouse entre 2002 e 2006 a un ritmo de case un 15% do total cada ano. Eses créditos conforman o grupo máis exposto á alza de tipos. Ante esta situación, a AHE afirma que “a evolución do custo actual da débeda pode xerar tensións no segmento de compradores que apurasen o prazo de vencemento final e a porcentaxe de financiamento contratados”.
Porcentaxe da renda
Segundo datos do Banco de España, o desembolso durante o primeiro ano para facer fronte ao pago dunha casa representa xa o 43,3% da renda bruta. A porcentaxe máis elevada desde finais de 1996. Fai apenas tres anos, ese nivel situábase no 35%. Mesmo se se teñen en conta as deducións fiscais, o cociente queda no 34,9%. Os expertos recomendan non dedicar á adquisición dun piso máis do 30% do salario bruto.