Os créditos para vivenda que se revisen en setembro incrementarán o seu prezo debido á subida do Euribor, que finaliza agosto no 1,421%. O indicador rexistraba no mesmo período de 2009 un 1,334%, o que provoca que se encarezan as hipotecas por primeira vez en case dous anos.
Esta subida reflectirase nos créditos que se revisen durante setembro, de modo que nunha hipoteca contratada o ano pasado por 150.000 euros, cun prazo de amortización de 25 anos, as cotas incrementaranse un seis euros mensuais. Para un crédito deste tipo, tras a actualización do Euribor, os pagos mensuais pasarán dos 588,2 euros de hai doce meses aos 594,3 euros actuais, o que supón un encarecemento superior a 70 euros ao ano.
O 1,421% do Euribor en agosto é a culminación dunha tendencia alcista do indicador, que se iniciou fai cinco meses, cando en abril alcanzou o 1,225%. En maio situouse no 1,249% e en xuño, no 1,281%. O pasado mes de xullo foi o último no que as hipotecas reduciron o seu importe, aínda que de forma leve, xa que o índice situouse en 1,373%. Os economistas apuntan que nos próximos meses o indicador proseguirá á alza, pero con incrementos reducidos que en ningún caso encarecerán as hipotecas máis de 20 euros ao mes.