O Euribor pecha o mes de maio no 1,249%, dúas centésimas máis que o nivel alcanzado en abril, do 1,225%. Desta maneira, o tipo de interese máis usado en España para fixar o custo das hipotecas, encadea dous meses consecutivos de subidas e marca o seu rexistro máis elevado desde setembro de 2009. A pesar deste novo repunte, mantense a rebaixa das hipotecas, que será duns 24 euros ao mes.
As subidas foron a tónica xeral do indicador hipotecario durante o mes de maio, ata terminar a sesión de hoxe no 1,260%, dúas milésimas por encima do nivel que rexistrou o venres (1,258%). Os analistas financeiros consideran que a pesar de encadear dous meses consecutivos de alzas, o Euribor está lonxe aínda de marcar unha tendencia. A inestabilidade dos mercados e, sobre todo, do euro e algunhas economías europeas frean calquera movemento brusco do indicador.
Coa taxa media do Euribor no 1,249%, unha hipoteca media duns 120.000 euros, cun prazo de amortización de 25 anos e cun diferencial do 0,80%, as persoas que deben facer fronte a unha hipoteca pagarán a partir de xuño unha cota duns 510 euros ao mes, 24 euros menos que hai un ano. O aforro anual ascenderá a 288 euros.
Con todo, os cidadáns que teñen contratada unha revisión semestral das súas hipotecas, non notarán variación nas súas cotas, dado que fai seis meses, o Euribor estaba máis barato que hoxe; en concreto, no 1,231%.