O Goberno Vasco ten previsto aprobar a comezos do próximo ano unha normativa que obrigará a revisar periodicamente o estado arquitectónico dos edificios con máis de 50 anos de antigüidade, aínda que tamén podería optar por vincular a concesión de axudas para a rehabilitación de calquera inmoble á realización previa dunha inspección da casa.
O recoñecemento periódico, que xa é obrigatorio nos edificios de nova planta, realizarao un arquitecto, de grao medio ou superior, e concernirá só aos elementos comúns da edificación. Polo momento non se estableceu cal será o custo destas inspeccións para os propietarios.
O anteproxecto de Lei do Chan que aprobará o Parlamento Vasco tamén fai unha referencia á Inspección Técnica dos Edificios (ITE), que xa é obrigatoria en Madrid, Valencia e Barcelona.
A ITE consiste nunha inspección visual que debe realizar un arquitecto ou técnico sobre o estado do inmoble para identificar as deterioracións producidas na cuberta, fachada, cimentación e estrutura, así como nas redes de subministración e evacuación de augas. A ITE poderá incluír advertencias sobre outros elementos (ascensores, escaleiras, gas…) cando o arquitecto observe unha situación de risco.
A guía metodolóxica para realizar estes ditames foi elaborada durante o tres últimos anos por un equipo de arquitectos e técnicos, despois de que os seus respectivos colexios profesionais subscribisen un convenio co Goberno Vasco.
Unha das redactoras da guía, Neves Rubio, da delegación guipuscoana do Colexio oficial de Arquitectos Vasco-Navarro, describe a ITE como “un informe da inspección e un ditame coa opinión sobre as condicións do edificio e os criterios de intervención”.
A guía enumera as patoloxías máis frecuentes nos edificios, tanto respecto dos materiais utilizados, como ás lesións producidas co transcurso do tempo nos elementos estruturais.