Os españois tardan na actualidade case tres veces máis que no ano 1990 en liquidar a hipoteca, aínda que os tipos de interese son agora considerablemente menores que nese ano, segundo datos do BBVA.
En 1990 o prazo medio de devolución era de 10 anos, mentres que en 2007 dispárase ata os 28 anos, e hai entidades financeiras que ofrecen hipotecas cun prazo de ata 40 anos. Agora tárdase máis en pagar a vivenda polo elevado prezo dos inmobles.
Así, segundo o BBVA, un piso de 100 metros cadrados costa hoxe en día máis de 205.000 euros, cando en 1990 o seu prezo ascendía a pouco máis de 56.000. Hai que ter en conta ademais que entón o tipo de interese medio ao que tiñan que facer fronte as familias era do 14%, fronte ao 5,2% de 2007.
España é un dos países con maior porcentaxe de préstamos hipotecarios a tipo variable (Euribor, principalmente), co 98% do total, moi lonxe do 35% de Estados Unidos ou, en Europa, o 14% de Holanda.