A inxesta dunha pastilla de paracetamol ao día podería axudar a previr o cancro de ovarios. Dio un estudo de científicos da Universidade de Atenas publicado no último número da revista “British Journal of Clinical Pharmacology”.
Estes expertos efectuaron o seu estudo sobre unha mostra de 4.000 mulleres e concluíron que a inxesta de doses regulares de paracetamol pode diminuír o risco de cancro de ovarios nun terzo.
Para desenvolver a súa investigación, analizaron os resultados de oito estudos anteriores levados a cabo no Reino Unido, EE.UU. e Dinamarca entre 1966 e 2004, que confirmaron eses efectos preventivos.
Os científicos destacan os beneficios de seguir investigando nesa vía porque a “quimioprevención”, é dicir, a administración de determinadas sustancias químicas, naturais ou sintéticas para evitar o desenvolvemento dun cancro, suporía un gran avance na sanidade pública.
Ao mesmo tempo alertan de que o paracetamol pode ter a longo prazo efectos adversos no fígado ou os riles que contrarrestarían os seus potenciais beneficios.

